Ciclismo - Marcos García rematou décimo a Course de Solidaarnosc polaca 05/07/2010O corredor do Xacobeo Galicia rematou décimo a Course de Solidarnosc et Olympiques, en Polonia; mentres que por equipos a formación galega ocupou a terceira praza, co mesmo tempo que a primeira clasificada, entre as vinte participantes. Tras a volta polaca, o Xacobeo Galicia ten dereito a reclamar hoxe con orgullo a súa derrota fronte a todo o pelotón na sexta e última etapa da Course deas Solidarnosc et Olympiques. Aconteceu nunha loita desigual e titánica, de principio a fin, iniciada por Gustavo César Veloso, continuada por Marcos García, Gustavo Rodríguez e Ezequiel Mosquera, e apurada ata cincuenta metros de meta por Gustavo Domínguez, punto no que o porriñés viuse engulido polo gran grupo. Disputábanse os 158,3 quilómetros finais da rolda polaca entre as cidades de Lesko e Jaroslaw, con dous portos de primeira, xenerosamente catalogados e situados nos sesenta quilómetros iniciais, un de segunda e os dous finais de terceira, coa meta a corenta e catro quilómetros da última cima. De saída marchouse Gustavo César Veloso, con Matija Kvasina á súa roda; pero o pelotón botóuselles encima rapidamente. Cando o terreo se endurecía buscando o primeiro porto da xornada, atacou de novo o ciclista do Xacobeo Galicia. O pelotón non tivo máis remedio que deixalo marchar. Pero a diferenza de ocasións anteriores, nas que os fuxidos manexaron marxes amplas, a súa vantaxe só chegou a rozar os tres minutos. Veloso, con problemas alérxicos a metade de volta, non era unha ameaza para a xeral individual, pero si para a clasificación por equipos. O conxunto galego ocupaba a terceira posición, co mesmo tempo que os dous primeiros. Había, xa que logo, moitos interesados en que a aventura non prosperase. Veloso rodou uns cen quilómetros na cabeza de carreira. Unha vez cazado, o Xacobeo Galicia lanzou novas ofensivas cos seus outros catro corredores. A última protagonizouna Gustavo Domínguez a uns catorce quilómetros de meta para manter unha emocionante loita contra o pelotón, que ofrecía tamén síntomas claros de fatiga, ata cincuenta metros de meta. Coa vitoria a tiro de pedra botóuselle enriba o gran grupo, que encabezou Andre Schulze (PSK Whirlpool) para sumar o seu terceiro triunfo de etapa; mentres que Jacek Morajko (Mróz ActiveJet) conservaba o liderado e facíase coa vitoria final.
|
publicidad
publicidad
|